Que a existencia dos montes veciñais mancomunados xestionados polas comunidades de montes non é do agrado da actual Consellería de Medio Rural e Mar é un feito evidente. Que o actual Goberno da Xunta de Galiza ten unha estratexia planificada de agresións aos montes veciñais en mán común (lei de montes, lei de caza, eliminación de axudas ás comunidades de montes…) está fora de toda dúbida.

Unha destas agresións sufriuna, nestes derradeiros días, a Comunidade de Montes de Mougás. Esta comunidade de montes foi multada con 603 euros pola Consellería de Medio Ambiente en aplicación da vixente lei de residuos de Galiza… por aparecer uns entullos de obra no seu monte veciñal.

Dende o descoñocemento poderíase decir, ben, se a Comunidade de Montes de Mougás deixou verter entullos de obra no seu monte está ben que fose multada. Mais, non é o caso, a Comunidade de Montes de Mougás denunciou o feito diante da Consellería de Medio Rural e Mar, e mesmo foi identificada a persoa que realizou os vertidos.

Mais, a pesar de este coñocemento, os burocrátas da Consellería de Medio Ambiente castigan á Comunidade de Montes de Mougás alegando que non tomou as medidas pertinentes para evitar o verquido.

Atopámonos xa que logo ante unha situación absurda, ante unha situación de subrealismo. Ante una situación onde a víctima é declarada culpable.

Ven sendo algo así como se unha muller que fose víctima de violencia de xénero fose declarada culpable por non ter tomadas as medidas precisas para evitar esa agresión.

Claro que esta agresión da Consellería de Medio Ambiente so a padece a Comunidade de Montes de Mougás. Aplicando a súa lóxica do absurdo, aquela tamén tería que multar á Consellería de Medio Rural e Mar, xa que a lei de montes veciñais actualmente en vigor declara como unha das súas competencias o velar pola conservación dos montes veciñais, cousa que non fixo ao permitir que se verteran entullos de obra no monte veciñal de Mougás. Máis, evidentemente, entre lobos non se morden e prefiren dar a dentellada ao máis débil.

Ante esta agresión da Consellería de Medio Ambiente a Comunidade de Montes de Mougás as comunidades de montes de Galiza non podemos resignarnos. Ademais de solidarizarnos coa Comunidade de Montes de Mougás temos que amosar a nosa crítica a esa agresión da Consellería de Medio Ambiente.