Poderíase crer que unha lei é pra cumprila cando se dicta, pero non acontece así. Pra solicita-la axuda que se outorga conforme á Lei de Dependencia, a Administración solicita un documento tras doutro, incluso solicita o mesmo documento varias veces, o cal nos obriga a peregrinar polas oficinas das distintas administracións e nos causa aínda máis problemas. Continuamos cos trámites coa esperanza de que ao final valerá a pena e obteremos unha prestación que nos permita respirar un pouco no medio desta dura situación.
Todo este proceso pode durar anos e, cando por fin remata, conceden unha axuda segundo o grao de dependencia. Segundo a lei, estas axudas deberían ser ingresadas mensualmente, coma se dun soldo se tratase, pero en ningún lugar se lé que poidan ser ingresadas semestralmente, ou anualmente, ou cando teñan a ben destinar algo de diñeiro a este fin, que podería ser nunca.
Por favor señoras e señores responsables desta lei, tanto da Xunta coma do Goberno Central, non xoguen cos miles de dependentes que se atopan nesta situación.