Eu teño a gala de presumir que fun mestre de escola porque me sinto orgulloso de ter tido esa profesión.
Tomei posesión da primeira escola en Tordoia (A Coruña) cando tiña vinte anos e collín o retiro ao cumprir os sesenta e cinco, fai tres anos, como director do Colexio de Educación Infantil e Primaria ´Fermín Bouza Brey de Ponteareas´, polo que coido saber un pouco do que tratan de prohibir agora, que é a venda nos recintos escolares de bolería e outras chucherías que mal educan aos rapaces na normal alimentación creándolles uns hábitos perniciosos e abocándoos a ser grosos e obesos co uso, nos colexios, da comida basura que alí lle poidan vender.
A miña opinión é que penso que o poidan vender ao alumnado nos centros escolares pouco ou nada que vai a repercutir no seu desenrolo. Onde está o problema é nos hábitos e costumes caseiros, é dicir, se o que lle manda a familia ao neno para que coma no recreo consta, no noventa por cento das veces, de bolería artificial, chucherías, golosinas e bebidas estranas, acabamos de poñer o dedo na chaga do problema polo que prohibir a venda dos productos nos colexios polo mal que poden facer, non pasa de ser unha sinxela especulación ou unha mera anécdota. Se lle engadimos ademáis as comidas rápidas que farán nas súas casas, na meirande parte dos días, como hamburguesas, pizzas, etc., sen que beban nin tomen leite ou outros productos lácteos así como froitas, verduras e demais hortalizas, ovos, carne e peixe fresco, se fan como é certo a maioría dos desaiunos a correr (un vaso de cola cao, se cadra, frío con dúas galletas) porque chePgan tarde ao cole temos todo un tratado da mala alimentación. Aí é onde se deben tomar medidas de información aos pais mediante o sistema que as mentes pensantes das Consellerías: xefes de negociado, de servizo, asesores ou similares pois esa é a súa misión, consideren máis axeitado pero a pesar diso, por si están moi ocupados ímoslle dar pistas: avisos na prensa escrita, na radio, na televisión, nos anuncios por palabras, etc,. ou charlas e reunións informativas coas ANPAS e cos concelleiros de educación dos diferentes concellos de toda Galicia. Que eu saiba son poucos os colexios e escolas que lle venden eses productos aos cativos pero parece que aquí todo se lle vai en prohibir cousas coma, por exemplo, cocer o polbo no recipiente de cobre que tantas mortes ten causado entre a población labrega e gandeira que acude ás feiras e, pero a cousa non queda aí, pois agora especulan co prato de madeira que ao parecer deixa aleixados, enfermos con secuelas de por vida, aos comedores de polbo estilo feira. Sinceramente da gana de chorar con tanto visionario ou visionaria e tanta cabeza clarividente. De outras prohibicións que son moitas e variadas, se cadra, trataremos outro día.