Falaba con Fernando Pereira Caamaño, aló polo ano 1987, da necesidade que sentimos algunhas persoas de servir ó común. Fernando era por aquel entón alcalde de Soutomaior, saíra elixido nas primeiras votacións democráticas, despois da longa ditadura franquista. Viñera de Uruguai, país que escollera para o seu "exilio voluntario". Serviu 16 anos no eido político neste concello, e os oito primeiros, non cobrou unha peseta polo seu labor.

Eu viñera para as terras de Madruga, a integrarme de novo no rural, coa miña familia.

Dez anos despois daquela conversa, estaban en marcha varias asociacións, que aínda hoxe, seguen traballando por un mellor futuro de relación e convivencia. Asociacións veciñais e culturais como a de Lourido, Moreira, e Comboa, o colectivo ecoloxista "Verduxo", os grupos de música tradicional "Tralovalo" e a "Troula" ou o grupo de teatro "Fonte da Tella" naceron a partir do esforzo e do ideal de servizo de persoas que cremos que o asociacionismo é, o mellor xeito de facer país.

Despois de rematada a súa etapa política na Candidatura Veciñal Independente en 1995, e xa como ex alcalde, Fernando, "refundou" por así dicilo, a asociación "Amigos do País" na que tiven a sorte de colaborar. Segundo dicía, esta asociación xa contaba con estatutos antes do ano 36, e mesmo tivera actividade en países como Arxentina, Uruguai e México. Actos como o do 17 de agosto en lembranza de Alexandre Bóveda ou a entrega dos premios "Amigos do País", fixeron que moitas persoas se achegaran a Soutomaior, a vivir connosco, inesquecibles días de lembranzas e amizade.

Avelino Pousa, Fernando Quintela, David Otero, Neira Vilas, A Quenlla, Diego Bernal, Luísa Villalta, Xela Arias, Suso Vaamonde, Orencio Pérez, Henrique Gradín, Xosé González, Bieito Ledo, Antón Bértolo, Salvador Álvarez Manuel Lourenzo e tantos outros amigos e amigas, bos e xenerosos, compartiron con nós aqueles días, onde a lingua, a historia, a música e o amor á terra, eran xantar de unión e fraternidade.

Como se recordará, Fernando Pereira falecera inesperadamente o 21 de abril de 2000, e como ben dixera Méndez Ferrín diante do seu cadaleito, "morreu na máis limpa das pobrezas". É sabido polos que estivemos preto del, que rañaba o peto para axudar a levar adiante calquera acto que aportara cultura e coñecemento ó pobo. Foi un gran mestre da honradez e da dignidade, e seu ideal de servizo ó país, inquebrantable.

Os que seguimos traballando por xuntar forzas e ideas para mellorar o futuro da nosa sociedade e do noso entorno natural, temos presente ás persoas qué, como Fernando, son un referente de vocación e entrega. Só dende o sentimento de amor polo próximo e pola natureza, podemos gozar e percibir que o que facemos terá sempre continuidade, e por enriba de todo, rematar a nosa vida sen ter xamais a sensación de haber pasado por ela, coma por unha viña vendimada.

O vindeiro día 17 de abril, recordarémolo en Arcade en merecida homenaxe