Un ano máis, dende CC OO conmemoramos o Día da Clase Obreira Galega. Para quen non o saiba, o 10 de marzo de 1972 dous compañeiros da organización á que pertenzo foron abatidos pola policía franquista da época durante unha folga para reivindicar as liberdades democráticas.
Dende entón, e de xeito oficial coa declaración da Xunta, por proposta de CC OO, do día 10 de Marzo como Día da Clase Obreira Galega, en CC OO lembramos este feito para que ninguén esqueza que os dereitos dos que hoxe gozamos a clase traballadora custaron sangue, suor e lágrimas.
Este recoñecemento institucional da loita a prol dos dereitos sociais e das liberdades democráticas foi unha teima de CC OO para recuperar o que moitos pretenden borrar da memoria colectiva, ás veces durmida. Unha teima para que Amador Rey e Daniel Niebla, en representación de todos aqueles homes e mulleres que loitaron ata a fin, con todas as consecuencias que iso carrexaba, non fosen esquecidos.
Nesta data, o meu sindicato organiza sempre unha ofrenda floral na rúa da cidade que leva este nome, a rúa 10 de Marzo, unha rúa que se nomeou así por unha iniciativa de CC OO e que aprobou por unanimidade a corporación municipal durante o mandato de Lois Pérez Castrillo.
Ao mesmo tempo en Ferrol, onde aconteceron todos os feitos dos que estamos a falar, faise unha manifestación para «honrar» aqueles compañeiros que deron a súa vida loitando e defendendo unhas melloras nas condicións de traballo.
O 10 de Marzo é parte da historia de CC OO e congratúlanos que outros sindicatos a celebren igual ca nós, pero non nos esquezamos: o esforzo, a sangue e a historia son das Comisións Obreiras.
Este tipo de ensinanzas non se aprenden na escola, aínda que toda a cidadanía, dende ben nova, debería coñecer o pasado para entender e valorar o que teñen no presente. Os valores que nos transmitiron aquelas mulleres e homes que se enfrontaron á represión e á ditadura porque entendían que a loita polos dereitos da clase traballadora era algo que pagaba a pena, aínda que iso lles custase a vida, polo que o seu esforzo e sacrificio non deben caer en saco roto.
Non debemos esquecer endexamais esas ensinanzas. Sobre todo nos tempos que corren, con agresións continuas á clase obreira en todos os eidos, cunha estratexia empresarial que o único que pretende é obter máis e máis beneficios á custa das condicións dos seus traballadores, con centos de convenios sen asinar, coa única preocupación neste momento, por parte da patronal, de que o Goberno aprobe unha nova modalidade contractual cunha indemnización por despedimento máis barata do que xa é.
Un empresario arrisca moito cando monta unha empresa, pero que non o esquezan: sen man de obra, sen os traballadores e traballadoras, as empresas non son nada.
Nós somos o alicerce, nós somos os que facemos país. En definitiva, sen nós e sen o noso traballo cotián o tecido empresarial do noso país non sería ren.