O pasado día 3 de febreiro celebrouse a festa de San Brais na parroquia de Mañufe (Gondomar). Vaia por diante o meu respecto cara a unha festa que goza de tanta popularidade en toda Galicia, mais quero expresar nesta carta as miñas críticas aos responsables políticos do Concello de Gondomar quen, en pleno século XXI non son quen de facer respectar o carácter laico e aconfesional da nosa sociedade nin controlan os abusos contra este. Coma noutros tempos de infausta lembranza, aquí continúan mesturándose relixión, política e distintas parcelas da vida cotiá. O día da citada festa, porque así o decide a Igrexa, o vecindario da parroquia e o doutras parroquias lindantes, sexamos crentes, non practicantes, agnósticos/as ou ateos/as temos que aturar as misas cantadas que se celebran ao longo do día transmitidas a todo volume por un sistema de megafonía.

Quero supoñer que o Concello ten coñecemento deste tema,porque imaxino que a Igrexa terá que pedir algún tipo de permiso para facer isto. Estou segura de que esta queixa xa debeu ser presentada antes por algún gondomareño.

Quero supoñer, tamén, que existe no noso concello algún tipo de normativa municipal sobre o control de ruídos molestos para os veciños (misas, foguetes a horas intempestivas…) De non ser certas as miñas suposicións, ¿non coidan que xa é tempo de poñer límite a este problema/atropelo dos dereitos alleos?

Nunha sociedade democrática, laica e moderna as crenzas relixiosas e mais os seus ritos deben manterse na esfera da vida privada dos cidadáns e cidadás. Aquelas persoas que son crentes son moi libres de escoltaren todas e cantas misas solemnes queiran, pero sempre dentro da igrexa e sen impoñelas a todos os demais, queiran ou non escoitalas.

A min, que vivo a máis de dous quilómetros da igrexa de Mañufe, moléstame que ano tras ano ese día nos obriguen a todas e a todos a a escoitarmos máis de media ducia de misas cantadas nun só día. ¿Qué pecado tan grave cometemos os/as non practicantes para que, rompendo a paz e o silencio dos nosos eidos, nos impoñan semellante penitencia? ¡Se isto non é proselitismo integrista por parte da Igrexa católica que baixe Deus e que o diga!

Os curas e os/as crentes católicos/as serían os primeiros en poñer o berro no ceo se a alguén se lle dese por levantar unha mezquita nunha das nosas parroquias e pasase o día chamando á oración a todo o vecindario.

Xa é hora de que se respecte e se faga respectar a liberdade de conciencia de todos os que vivimos neste país e neste concello.

Xa é hora de que deixen de adoutrinarnos á forza, co beneplácito e a aquiescencia das autoridades civís.