O pasado 21 asistín á manifestación como mestre e como pai.
Como mestre porque defendo o ensino en galego, respectando a aprendizaxe doutras linguas, e como pai porque me nego a decidir que lingua teñen que empregar os mestres do meu fillo en determinadas áreas curriculares.
Como mestre fun a reivindicar o meu dereito a empregar o galego como medio vehicular no desenvolvemento do meu traballo e como pai a protestar porque queren deixarnos interferir no ensino, en cambio non poderemos facelo noutros ámbitos sociais (na sanidade, na xustiza, nas forzas de seguridade, na dirección xeral de tráfico, ...).
Como mestre fun a reclamar que tan só me esixan respectar as 11 horas que os meus alumnos/as teñen no seu horario dedicados ao ensino das linguas (galego, castelá e inglés) e que no resto das áreas cumpra co Estatuto Galego repartindo as horas por igual (50% en cada idioma oficial). E como pai a pedirlle á Xunta de Galicia que invista máis orzamento en educación potenciando os distintos departamentos, mellorando as infraestruturas e dotando aos centros de máis medios materiais e humanos e que se deixe de consultarnos, pois na escola están os nenos e son eles os principais afectados.
Como mestre e como pai fun a manifestarme para reclamar o dereito que teñen os nosos alumnos/as e os nosos fillos/as de aprender matemáticas, coñecemento do medio, música, bioloxía, historia, naturais, filosofía, xeografía, …, independentemente do idioma que se empregue na aula, porque eles queren aprender o contido destas materias.
Como mestre e como pai fun a manifestación a acusar á actual Xunta de crear un conflito onde non o hai. De ver pantasmas e posibilidades, onde estamos moi lonxe de telas. De meterse nunha lameira e querer meternos a nós nela. De xustificarse con mentiras por non recoñecer o seu erro e saír nos medios recorrendo a datos e cifras falsas para confundir á opinión pública, porque esa maioría –silenciosa- que os apoia, e que está a favor deste decreto, representa o 27% da poboación galega.
Finalmente, fun a manifestación a pedirlle ao secretario xeral de política lingüística, ao conselleiro de educación e ao presidente da Xunta, que respecten o maior e máis importante do noso patrimonio: O Galego.
Mal que lles pese pensamos, falamos e vivimos como galegos, porque somos galegos. Coa nosa lingua non se xoga e se queren facelo estaremos todos os galegos e galegas dispostos a defendelo como o fixemos o pasado día 21.