Tiñas razón, non sabía moito de ti cando comecei a traballar de monitor no programa "Camiño a Camiño" do concello de Vigo. Sabía que te gustaba subir montañas. Sabía que estiveras no polo sur. Sabía que eras a concelleira de medio ambiente. Pero nada máis. Ata aquela mañán de domingo. Viñamos de facer unha ruta o grupo de 8 monitores/as e uns 200 participantes. Sairamos dende o río Eifonso en Bembrive, acompañados por certo de membros da asociación micolóxica A Zarrota, que nos axudaron a identificar os cogumelos que atopamos no roteiro. Rematamos no parque forestal de Beade e ofrecéronnos a todolos participantes un chocolate ben quente. Como parte do meu traballo, comecei a repartir as enquisas de avaliación da actividade ó meu grupo. Ti viñeches cáseque empurrando e berrándonos que subiramos ó autobús. Como os participantes inda non tomaran o chocolate, nen remataran de cubrir a enquisa acabaron de facelo antes de subir ó bus. Volviches por segunda vez cun tono aínda máis autoritario e díxenche que xa estaban rematando. Dixéchesme "no es discutible" ó que contestei que entendía que as cousas se podían falar. Dixéchesme "tu no sabes quien soy yo" e contestei que se quixera que me deran órdenes houbera feito a mili. Acabaches con un "xa falaremos". Pero ese día non apareciches polo concello. Ó día seguinte chamáronme para comunicarme o cese. Escríboche esta carta porque así "ti sabes quen son eu". Un profesional que según os coordinadores da actividade, os meus compañeiros/as e un bo número de participantes facía ben o seu traballo. Un traballo para o que estou capacitado pola miña experiencia e formación. Formación que por certo non se me recoñece no contrato xa que como saberás, fun contratado como bachiller , cando son licenciado igual que o resto dos meus compañeiros/as. Tamén saberás que se nos contrata como monitor deportivo cando non nos limitamos a andar, senón que facemos paradas interpretando o medio natural e etnográfico. Como concelleira de medio ambiente coñecerás que a empresa que nos contrata non é a mesma que coordina a actividade. A ratio de participantes por monitor é excesivamente alta, hai que ter en conta que somos 8 monitores e pode haber ata 450 participantes, o cal pode supoñer un importante impacto negativo no medio. Resumindo, o programa "Camiño a camino", contribúe positivamente a que os/as cidadáns coñezan os espacios naturais de Vigo e aprendan a respetalos. Ti deberías facer o mesmo cos profesionais que facemos posible a actividade. E respeto significa contratos dignos e deixar que os coordinadores fagan o seu traballo. Por certo, xa sei algo mais de ti. O 25 de decembro estiveches de cumpreanos. ¡ Felicidades !