Tribuna del Lector

Morreunos Toñete

Alfonso Álvarez Gándara

 06:30  

Antonio era un mozo que viña de Segovia para pasar os veráns na casa da súa tía Fidela, entre os chalés da praia da Fontaíña. Á distancia da carreiriña dun can estaba a casa de Remixio e, polo tanto, vivía alí unha adolescente máis rubia que loura, bonita, lanzal e risoña.
Nin Antonio Bernardo Rubio podía deixar pasar a oportunidade, nin Mariló González Lorenzo (hoxe, Lola Gándara para os seus lectores) podía deixar de admirar a aquel rapaz moreno, sociable e simpático, parecido a Salvador Dalí, que tan ben encaixaba coa súa familia e cos seus amigos.
Xa non se separarían ata este mes de decembro, no que tivemos que afrontar a tristura de gardar loito por el.
Naqueles anos cincuenta, Toñete exercera brevemente a profesión de mestre nacional. Unha vez acollido, realmente coma un fillo, no fogar do seu sogro, emprendeu os estudos de Dereito e, ao rematar o cumprimento da pena de inhabilitación especial que lle impuxera o Tribunal de Orden Público, xunto coa de prisión que lle fora condicionalmente suspendida, deuse de alta no Colexio de Avogados de Vigo, no que se iniciou compartindo bufete con Remixio González Gándara, para chegar a ser un avogado culto, elocuente, desprendido, competente, e un compañeiro intachable.
Creo que a súa defensa perante o TOP fora asumida por Mariano Robles Romero-Robledo e a súa representación por Gonzalo Castelló Gómez-Trevijano (daquela, o marido da actriz Lola Gaos, por certo). O delito imputado era o de propaganda ilegal e os adhesivos que andabamos a fixar polo escaparates naquelas noites de decembro de 1967 rezaban literalmente. "Autonomía para Galicia". Toñete foi sorprendido "in fraganti". Así eran as cousas daquela. E, para máis, as "pegatinas" non eran autoadhesivas; precisábase utilizar unha esponxa.
Méndez Ferrín caeu naquelas datas pola primeira vez. No rexistro domiciliario fóronlle ocupados dous exemplares mecanografados do manuscrito orixinal da novela: "Os Corvos, a Figueira e a Fouce de Ouro". Xosé Luís si que houbo de cumprir dous anos enteiros de privación de libertade no penal de El Dueso. O autor deste artigo librou de participar na saída na noite daquel día 23, porque era a onomástica da súa moza.
Moitos traballos políticos compartimos naqueles anos, especialmente vinculados pola íntima amizade persoal e por unha organización moi plural ideoloxicamente, que non foi en obsoluto coñecida fóra desta cidade, a "Liga Democrática", na que tivera relevante participación outro castelán, Leopoldo García Ortega.
A militancia nacionalista de Toñete soamente se explica pola súa xenerosidade e pola identificación coa Terra que o acollera e co ambiente familiar e social que o arrodeaba. O seu coñecementeo do movemento galeguista desde as Irmandades da Fala ata a UPG e as forzas apoiadas logo por Ferrín correspondían á súa relación filial con Remixio G. Gándara e ao seu matrimonio con Dolores. O seu dominio do noso idioma ben podía ser envexado por moitos dos que teñen desempeñado altos cargos na nosa Comunidade autónoma. Por estas razóns, os galegos temos unha débeda con Antonio. É obrigado dicilo e non esquecelo.
Pero quen escribe estas liñas ten outro débito máis importante, por íntimo e por profundo, o que nace do cariño fraterno que el nos deu, coa súa impecable cortesía, a súa hospitalidade, a súa exemplar modestía, a súa dozura, e tamén coa súa cultura, sobre todo histórica e literaria.
Nestes últimos meses, entrabamos e saiamos no mesmo hospital, case ao propio tempo, afectados por doenzas semellantes. A deriva de Antonio foi ben diferente, cando queríamos crer que nos esperaba un período de igual convalecencia, porque el era aínda un galán maduro. Era un galán de perfil daliniano, locuaz e atractivo, cunha cálida voz, que acompañaba moi ben a súa guitarra.
Xa sei que isto está moi manido; pero era tanta a devoción que compartiamos por Miguel Hernández e tanto temos forentado recitando xuntos os seu poemas, que non me resisto a despedirme de Antonio como Miguel o fixera con Ramón Sijé:
A las aladas almas de las rosas
Del almendro de nata te requiero,
que tenemos que hablar de muchas cosas,
compañero del alma, compañero.

  HEMEROTECA
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya