EN DIRECTO

Ata sempre Anisia

Carmen Álvarez Domínguez

 22:03  

Vén a miña lembranza aquel fermoso día de luz que elixira Gonzalo Balo, para xantarmos contigo e con Pepe, e con tantos amigos e amigas, nas vosas Insuas de Gres.
Os protectores carballos amparaban aos potentes raios solares do mes de agosto. O frescor do Ulla chegaba as nosas peles impregnándoas con arrecendo de loureiro.
Á sobremesa estabades moi solicitados, pero en canto puiden "apodereime" de ti. Paseamos, falamos, rimos… Os meus ollos analizadores pousaban de continuo nas túas delicadas maneiras. Non atopaba na túa faciana ningún elemento exótico, a túa pel transparente ben puidera ser a da avoa Aurora de Ansemil. Te amosabas ergueita e saudosa, e debaixo dos amieiros semellabas unha flor sempreviva. Estabas feliz rodeada de doces augas, quizais as pequenas insuas fosen no teu maxín aquela outra illa atlántica que te viu nacer. Sei que o teu pensamento depositaba na corrente bonitas mensaxes para os compatriotas do alén.
Triste noticia a do teu pasamento. Ninguén, nin nada, presaxiaba a túa partida.
No meu recordo máis recente están as túas bágoas de dor polo benquerido Marcos Valcárcel. O xantar na horta de Curros. A caída xunto ao cruceiro na finca dos nosos amigos de Dozar; o baile a ritmo de "rumboia" cando cantaban os amigos de A Quenlla, as rebuldeiras gargalladas…
Mergullados quedaron pardela amiga, os pantalóns de miliciana marcando unha cintura a lo Rita Haiworth. Atrás quedaron os segredos con Rosa e o malecón habanero. Atrás quedou a "Marquesa roxa" e o seu doutor Lluria, que dende Cuba tamén veu namorar neste castelo de Madruga. Lonxe quedou o Comandante Spencer e o anel que ti lle deras con selo de liberdade, o atoparán na selva angoleña algún día; a súa camisa "oyé", será cofeada polas miñas mans asemellando as túas, o día que ma entregaches para que a custodiara. Para a historia quedou a Conferencia Tri-continental e o "pai" Ho Chi Minh, tamén, teu admirado Ernesto Guevara, de todos nós, o "Che".
A miña fada foi semente da comarca dos Poetas nada ao calor caribeño, cultivada nas Américas do desexo, xunguida a un forte tallo de follas novas, perenne flor de bolboretas soñadoras…
Retornaches para acougar nos eidos amados e trouxeches contigo todo o calor gardado dos fillos "pródigos". A metamorfose comeza agora para ti, avelaíña da luz.
¡Que lonxe te teño! dicías… ¡Que preto estás! digo… Levareite comigo, alí onde vaia.
Bicos de mel.

  HEMEROTECA
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya