Maruja Mallo foi unha muller decisivamente transgresora e transgresoramente decisiva no tempo que lle tocou vivir durante todo o século pasado.
Con motivo do centenario que este ano se cumpre do seu nacemento (aínda que a data precisa é 1902 e sabemos que a todas as grandes mulleres encántalles restarse anos) e da retrospectiva que Caixa Galicia está a organizar para reivindicar o lugar que lle corresponde a esta grande figura da historia galega, española e universal, acudín a unha das visitas guiadas que todos os días se levan a cabo na Casa das Artes de Vigo.
Interesábame saber da vida de Maruja Mallo, coñecer a súa obra de cerca e acceder a eses datos propios da prensa rosa que neste tipo de actos se facilitan e que fan das figuras históricas persoas con nomes propios máis cotiás e reais.
Descubrín á Maruja muller, á Maruja eternamente emigrante, á Maruja ávida de coñecementos, á Maruja amiga de Dalí, Lorca, Buñuel, Picasso, Miró, André Breton, Ortega e Gasset..., á Maruja parella de Alberti ou Miguel Hernández, á Maruja artista, á Maruja pintora, á Maruja musa dos ´80, á Maruja que cos anos perdeu un pouco a cabeza e á Maruja Mallo esquecida pola Historia. E descubrín, unha vez máis, cómo as mulleres levan séculos sendo as perdedoras nesa historia escrita pola tradición masculina popular.
Mais o meu asombro chegou ao seu máximo expoñente no momento no que, tras case unha hora desta tarde máis que ben invertida concluíuse a visita afirmando que, a consecuencia desa teima irracional da muller de non sentirse encorsetada en ningunha ideoloxía política, en ningún -ismo dos que afloraban en Europa pola época, en ningunha relación das que mantivo cos diferentes homes cos que compartiu a súa vida... por estas razóns e non por outras, Maruja Mallo morreu soa, enferma e soa. É unha mágoa este punto final atribuído á súa obra, na súa homenaxe, no centenario do seu nacemento...
Maruja Mallo morreu soa como tantas outras mulleres adiantadas á súa época, como consecuencia desta Historia inxusta, por ser unha desas persoas que deixan pegada a cada un dos seus pasos a razón de palabras, comportamentos e actitudes; Maruja Mallo pertence a esa clase de mulleres que non é que naceran nun tempo que non lles corresponde, senón que fan dese tempo o seu propio tempo, o seu momento.