Teño dous amigos en Galicia que á vez son amigos entre si. Un vive nunha importante cidade e o outro nunha aldea. O meu amigo o que vive na aldea e eu falamos co noso amigo da cidade, para quedar a comer xuntos, nun lugar intermedio entre a aldea e a cidade.
Quedamos ao día seguinte, porque este día, o meu amigo da aldea tiña que ir comer á casa duns familiares comúns que celebraban a festa da súa aldea, situada no interior de Galicia.
Ao día seguinte, tal como planificaramos, emprendemos viaxe en coche cara ao lugar no que quedaramos. No traxecto que nos levaría aproximadamente unha hora, o meu amigo púxose a contarme o que lle pasou o día anterior na comida. A gran maioría dos comensais eran de Monforte de Lemos e de Ourense. A comida era perfecta, toda xente de ben. Mentres me comenta, indígnase cada vez máis; porque segundo el faltáronlle totalmente ao respecto. Explícame que lle colocaron na mesa xunto a dúas persoas que non coñecía, pero que eran casteláns. O seu cabreo aumenta máis cando me comenta que toda a súa familia, aos cales eu coñezo e son galego-parlantes, pasáronse a comida falando en castelán. Agora entendo por que o día anterior cando chegou da comida coincidimos en casa con outros amigos e non quixo incorporarse ao faladoiro e merenda e foise a durmir directamente, iso si dicíndome que comera moito e non lle parecía oportuno compartir connosco por educación a mesa, sen poder comer nada.
Chegamos ao lugar de encontro para comer co noso amigo que viña acompañado da súa moza irlandesa que, por certo, ela cando se dirixe ao meu amigo, o da aldea, fala galego. Desde que nos atopamos, como é costume, falamos todos en galego. Igual que fixemos el e eu en todo o traxecto que compartimos no coche.
O meu amigo, o da aldea, votou a Núñez Feijóo, e o meu amigo, da cidade, non votou por descontento cara a uns e outros.
¿Saberá, realmente o meu amigo, o da aldea, o que os actuais dirixentes da Xunta, aos que el votou, queren facer co único idioma que el fala?
Estou absolutamente seguro que non porque, por moito que llo explique, non me crerá e ademais botaralle as culpas aos outros, incluído ao Goberno de España.
O meu amigo, o da aldea, é maior e por iso é posible que non estea noutras comidas das festas das aldeas galegas nas que a gran maioría dos nenos falen en castelán; salvo, con toda seguridade, os fillos do meu amigo, o da cidade, que falarán, indistintamente galego, inglés, irlandés e con algúns en castelán. Aínda que seguro que en Galicia falarán galego.
O meu amigo, o da aldea, seguirá votando ao PP e se o PP segue gañando as eleccións galegas, aínda que lle sexa moi complicado pola súa idade e formación, para non cabrearse, e entender a algúns conselleiros debería intentar aprender castelán.