Pobos limpos no Condado e na Paradanta

Xoan Xosé Pérez Labaca

 02:19  

Isto que de seguido expoño é unha reflexión e unha chamada de atención. Ata fai pouco tempo os pobos das comarcas do Condado maila Paradanta podían gabarse de ter unhas das vilas mais limpas da provincia. Agora, desde fai uns anos entrou, coma unha enfermidade, o mal gusto a través das pintadas nas paredes, anuncios pegados en calquera fachada ou lugar, pancartas colocadas a voleo, etc.
Nuns pobos nótanse mais que noutros, pero en todos hai mostras. Sobre as pintadas hainas de dous tipos, unhas de tipo político ou artísticas chamadas, ao parecer "grafitis", sobre paredes ás que non lle fan ningún dano e outras son porque sí, polo feito de embadurnar ou revindicativas de algo e non reparan no dano que poden facer, pois tanto lle da facelas nos muros de pedra dun edificio senlleiro histórico que nas paredes dun edificio recén rematado. Por exemplo, unha, puramente infantil pero con letras grandes, feita sobre a pedra das paredes dunha capela dicía: "Cheiracús, Sabela da Morrona". Polo que miramos, toda unha mensaxe si señor.
O Concello que últimamente leva a palma en pintadas é o de Salvaterra de Miño pero hai, por desgracia, outros que lle siguen por pouco.
Con relación aos carteis, non me parece ben que os peguen indiscriminadamente onde lles pete. Si durante as campañas electorais os concellos poñen uns taboleiros para colocar os carteis dos candidatos. ¿Por qué non os deixan con carácter permanente para que coloquen alí os anuncios das festas de tal sitio, dos campionatos de tal cousa, de sorteos e rifas noutros lados, de bailes e ofertas de fin de semana de pubs, salas de baile, discotecas, esquelas de man...?
Neste aspecto o Concello que destaca é, con moito, o de Ponteareas sen que outros, como o da Cañiza, queden atrás.
Das pancartas hai que dicir que se colocan ao tun tun, segundo cadre, que tanto valen para un roto como para un descosido, polo que tanto anuncian a actuación dunha figura do canto, como dun conxunto enxebre de cornetas e tambores, como dun campeonato de fútbol sala ou dun casamento. Sobre estes últimos dicir, que na actualidade afloran coma cogumelos despois das chuvias, sendo polo xeral moi chabacanos, de bastante mal gusto e incluso témolos mirado oscenos. Unha bagoa. Porque á maioría da xente non lles importa un carallo a vida desa parella que anuncian e que, tamén penso eu, onde debían poñer as pancartas é na casa da noiva e tamén do noivo por ser as partes mais interesadas no futuro evento. É un dicir.
O Concello, neste caso, onde mais se ven é no de Mondariz, xa que no centro da vila entre tileiros e palmeiras presenta un lugar moi axeitado para a colocación deste tipo de anuncios.
Quizais para solucionar este tipo de fealdade, aparte dalgúns edificios e casas con ladrillo cara á vista, que tamén lle chega, sexa que por parte dos rexidores municipais sexan adoitadas unhas ordenanzas e apliquen, sen mirar a quen, o correctivo correspondente e den, así mesmo, facilidades, en paredes axeitadas, para que a nova xeración de pintores plásticos poidan expresar a súa arte con pinturas de "grafitis" sen encordias noutros lugares. Di o refrán que non é máis limpo o que máis barre senón o que menos ensucia, e non ensuciar tamén é unha parte fundamental da ecoloxía. Cumpre telo moi en conta.
En definitiva, xa sabemos que todo parte dunha educación axeitada sobre todo familiar porque se o pai pinta, o neno tamén quere pintar e así dicía unha vella canción galega: "Rebola o pai/ rebola a nai/ rebola a filla/ e eu como son da familia/ tamén quero rebolar". Iso si, rebolando todos, pero deixando os pobos da miña terra limpos e que poidamos gabarnos diso.

  HEMEROTECA
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya