No excelente artigo do pasado dia 15, "A língua de Deus", o seu colaborador Méndez Ferrín incorre nun abraiante erro de bulto, sen dúvida atribuíbel a un involuntario desliz. Ao referirse ao xudaísmo, láiase de que na relixión mosaica "non tería sitio eu nen ninguén que non fose de raza hebrea, porque o Deus dos xudeus elixiu este como pobo superior aos restantes pobos".
Na afirmación regálansenos, cando menos, duas graves imprecisións polo prezo de unha. En primeiro lugar, só construíndo o relato á beira dos preceitos verquidos no "Mitteleuropa", opúsculo parido en pleno auxe dos totalitarismos europeus dos anos trinta, cabe pexorizar sobre a "raza xudea". O seu autor ourensán, non por acaso, caracterizaba ao hebreu como porco que cheira e fede, que é ruin, baixo, falso e tramposo, abondando na razón dos pobos centroeuropeus, tan ceibes de prexuízos, seren antisemitas (Vicente Risco, 1934). Que curta é a distancia, por certo, entre o discurso do nacional-socialismo do III Reich e a propaganda coa que se apresentou apenas hai unha semana ás eleizóns europeas a Lista Antisionista francesa, promovida por unha exótica mescolanza de yihadistas musulmáns, altermundialistas e disidentes de Jean-Marie Le Pen.
A segunda falsidade implícita sería a da imposibilidade de conversión para a fe do pobo elixido polo Deus da Torá. O xudaísmo, en efecto, é a única das grandes relixións monoteístas non proselitista. Contrariamente ao cristanismo ou o Islam, os xudeus nunca converteron a sua crenza pola forza, pasando a coitelo ou polas lapas a ninguén. Nese sentido é a única desas tres relixións non expansionista nen imperialista. Ora ben. Mediante un procedimento perfeitamente regulado de giyur (ou conversión), calquer persoa das máis dispares razas, nacionalidades ou condicións pode incorporarse á fe xudaica. No propio Estado de Israel, non menos de 800.000 homes e mulheres son conversos de procedencia xentil. Na década dos 80 e 90 do século pasado, ducias de milleiros de orixe eslava fixeron aliya a Eretz Israel, por citar só o caso máis recente, converténdose ao xudaísmo. Ou os milleiros de falashas etíopes chegados na Operación Salomón nesas mesmas datas.
Con todo, e ser certamente o povo elixido pelo Deus da Torá, o xudaísmo non promove "superioridade" algunha dos observantes da sua fe sobre os xentís non xudeus que respeitan as Sete Leis de Noáj.
O escritor hispalense Rafael Cansinos Assens, a quen como Borges seguro que a sensibilidade literaria do Ferrín ten ben ponderado, converteuse ao xudaísmo. E o filósofo Benny Lévy, secretario persoal do noso admirado Sartre, tamén abrazou no seu día a relixión da Alianza. Por só citar dous casos coñecidos, que o meu amigo benquerido esqueceu ao facer tan desacertada afirmación.