As anduriñas son símbolo de primavera e de vida. En Redondela estase a cometer estes días un atropelo contra a primavera dende que señores do Ministerio de Economía e Facenda, titular do vello viaducto ferroviario, decidiron embalar vivas as anduriñas e os cirrios que dende décadas aniñan nel.
Todo comezou cando caiu unha peza, logo do abandono e falta de mantemento do viaducto por parte da administración do estado.
Decidiron envolvelo entón cunha tupida malla cubrindo os niños das anduriñas no peor dos momentos: cando están criando. As anduriñas non poden entrar no niño e alimentar as súas crías. Esta primavera todas morrerán por falta de alimento, unhas, e de descanso, as outras, posto que as adultas precisan pernoctar nalgures.
Pese á advertencia de morte destas aves e á solicitude de paralización en busca dunha alternativa que compatibilice a seguridade dos viandantes co hábitat e respeito dos bechos, os titulares do viaducto e responsáveis da actuación avanzan na obra, poñendo en perigo a colonia máis importante de anduriña de cu branco do sur de Galiza. Logo das nosos avisos os obreiros incluso chegaron a tirar dos seus niños dúas crías.
Ambas especies, "Delichon urbicum" e "Apus apus", están catalogadas no Real Decreto 439/1990, de 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e protexidas polo Convenio de Berna, a nivel europeo.
Mal imos cando as administracións fan ouvidos xordos ao sentido común e acaban masacrando con tanta crueldade aves indefensas.