O pasado mércores, día 22 de abril, os alumnos de 5º de Ed. Primaria e os seus mestres do Colexio Andersen participamos nunha visita ás Illas Cíes (Parque Nacional das Illas Atlánticas) para o estudo dos diferentes ecosistemas.

O barco levaranos ás 10 h. da mañá e tiña que recollernos ás 17.30 h.

Durante o desenvolvemento da actividade, aproximadamente ás 14.30, un dos nosos alumnos caeu ó chan lesionándose aparatosamente co resultado dunha fractura de clavícula con desprazamento de ombro, moi dolorosa.

Xa que o rapaz non podía esperar ata a hora na que tiña que recollernos o barco, rapidamente púxose en marcha un plan de emerxencia para o traslado do rapaz a Vigo.

Colexio Andersen quere agradecer a súa tarefa ós voluntarios de Cruz Vermella (Susi, Borja e Rodrigo), que prestaron ó noso alumno os primeiros auxilios coa máxima atención e agarimo, ás guías do Parque, que se ofreceron para o que necesitásemos, ós gardas forestais do Parque, que levaron ó neno nun todo-terreo ó peirao, así como ó barco de Salvamento Marítimo que nos trasladou a Vigo nun tempo récord e á ambulancia que nos esperaba para levar ó rapaz ó Hospital Xeral. Consideramos que, polas características das illas do parque, faise imprescindible a presenza destes medios humanos e operativos para atender ós numerosos visitantes deste espazo natural.

A todos eles, que actuaron sen dubidar, con dilixencia e profesionalidade, moitas grazas.