O PP de Salceda seica estourou bombas para celebrar a reconquista da Xunta de Galiza. A nova figura “emerxente” que o PP promove como o novo “leader”, sucesor de Chicho, xunto con algún “listo”, albiscan nos resultados unha vitoria electoral nas vindeiras municipais; é dicir reconquistar Salceda para o PP. Para logralo xa se encomendan a todo o que poden; tanto a poderes sobrenaturais, asentados na fe do ideario reaccionario, como aos máis mundanos feitos, como son enlamar todo o que poden con mentiras e demagoxia; seguen así a liña marcada tanto por Feijó09 e os seu asesores ultraconservadores, como a do que foi alcalde en Salceda de Caselas durante máis de trinta anos, Chicho.

En canto aos primeiros, Chicho mesmamente parece que dispuxo de poderes divinos; é dicir da capacidade de facer milagres; que como todo mundo sabe son feitos ou acontecementos extraordinarios, que non se explican polas leis da natureza. Ven isto ao fío do que dixo, no xuízo do pasado 27 de xaneiro e posteriormente en medios de comunicación, para defenderse da presunta falsidade documental para cobrar a subvención dunha obra de alumeado público que non se executara (da que resultou absolto). Afirmou nunha ocasión que se instalaron mais de 60 puntos de luz, nun proxecto de 26; noutra, que pasou de 54 a 92 puntos; o que se dí o milagre da multiplicación das “farolas” en troques dos pans e dos peixes.

Tamén foi curiosa a instalación deses puntos de luz; desta vez “por arte de birlo birloque”, foi en sitios que nada tiñan que ver co proxecto de obra. Segundo dixo, motivado sempre por cumprir co “interese público”; como el lle chamou ao feito de cumprir con favores que, calculou, lle darían máis renda a vista dunhas eleccións. Total para que a Xunta pagara chegaba con que se lle remitira “un papeliño”, que se lle chama “Acta de recepción”; asinada o 15 de outubro do 2003. Como instalar a iluminación, no lugar proxectado, era requisito para manter a subvención; e a Xunta anunciou unha inspección non lle quedou mais remedio que acometer a obra no sito real, cinco meses despois de que a certificara e recibira “oficialmente”.

Os feitos quedaron claramente explicados no xuízo cun resultado no que a verdade e a razón non sempre coinciden coa razón expresada no papel; ou o que o mesmo a verdade xurídica, admitida polo Tribunal, en ocasións pouco se asemella coa verdade do realmente acontecido.

En conclusión, xa non cabe ningunha dúbida: tanto o PP como Chicho teñen “poderes” sobrenaturais e mundanos; poderes que tanto o absolven a el como lle dan vitorias electorais ao seu partido. Así é o xogo ao que nos enfrontamos, tanto os que participan como os que temos participado na actividade política, xa sexa no desempeño de cargos públicos ou como cidadáns de a pé.

Agora ben, hai que resaltar as moitas diferenzas e que non vale a etiqueta de “que todos son iguais”; pois aínda que non o pareza o comportamento ético é o que nos distingue a hora de actuar. En primeiro lugar o respecto polas regras da democracia aceptando o resultado que a cidadanía decide con seu voto libremente. A seguir, ir de fronte e limpamente co ideario e actos que escapen da demagoxia e o anonimato, prácticas que en Salceda, desgraciadamente, non desapareceron e parecen alentarse como comportamento de acción política polos dirixentes populares. Finalmente, actuar co compromiso de servizo público no desempeño das funcións encomendadas, que non é o mesmo que servirse do cargo para asuntos que nada teñen que ver co mesmo. En definitiva os “poderes” do PP de Salceda e de Chicho, xa sabemos cales son pero fáltalles un: a capacidade de conseguir mudar a realidade dos feitos; e a realidade en Salceda é que o 27 de maio do 2007, tanto o PP como Chicho, sufriron a condena máis importante, perder a Alcaldía e o goberno municipal.