O Sr. José Ramón Rodríguez-Sabudo Fernández, abogado, en artigo publicado no FARO DE VIGO do día 21 de marzo de 2009, berra para que os montes veciñais en man común pasen a mans dos concellos. Falando en plata, o que pretende este abogado é roubarlle os montes veciñais en man común ós seus lexítimos titulares, esto é, os veciños e veciñas comuneiros e darllos ós concellos. O que pretende este abogado, xa o fixo a dictadura franquista mediante a promulgación da Lei Hipotecaria no ano 1946.

Para argumentar este roubo, o Sr. abogado, baséase en mentiras. Así, di que as xestións das comunidades de montes son malas, cando o que realmente son xestións democráticas e asamblearias. Di que as comunidades de montes non teñen preocupación polos lumes forestais, cando son as primeiras en combatelos. Di que as comunidades de montes prantexan campos de golf en zonas residenciais nos seus montes, cando son os concellos os que as proxectan e as comunidades de montes as que as rexeitan. E mesmo, no seu desmesurado afán usurpador, acusa públicamente ás comunidades de montes de malversación de cartos públicos desviando os fins das subvencións que acadan. É vostede un impresentable e un cobarde, xa que se o que di vostede é verdade, como cidadán, ten a obriga moral de presentar a denuncia correspondente.

Algunha verdade di no seu delirante escrito, cando di que as xuntas rectoras das comunidades de montes (non todas), reclaman unha nova lei de montes veciñais en man común. Pois ben, teño que informarlle que xa está elaborado un anteproxecto de Lei de Montes de Galiza (na que están incluidos os montes veciñais). Anteproxecto que foi aprobado no Consello Forestal de Galiza con un so voto en contra, que xa pasou o informe do Consello Económico e Social e que está pendente da súa tramitación parlamentaria. Agora ben, non se faga ilusións, xa que, entre outras cousas, este anteproxecto di: “Os montes veciñais en man común son unha titularidade de carácter xermánico, nen pública nen privada, senón veciñal. Que os únicos titulares son os veciños e veciñas comuneiros. Que as decisións a tomar nestas terras teñen que ser decididas democraticamente en Asemblea Xeral”. Como pode ollar, nas antípodas do que vostede pretende.

Ao Sr. Rodríguez-Sabudo e outros pretendidos usurpadores dos montes veciñais en man común, decirlle o que deixou escrito o escritor portugués Aquilino Ribeiro “os montes veciñais en man común son dos veciños e veciñas comuneiros dende que o mundo é mundo, herdada de pais para fillos. Quen nolos veña a sacar, connosco se van a atopar”.

Connosco se van a atopar, non o dubide Sr. abogado.