Lamento ter que utilizar este intre para facer este comentario de opinión, dado que o seu estado de ánimo non debe atravesar pola maior ledicia, pero as cousas hai que decilas cando a ocasión o require ou calalas.

Debo recoñecer que, aínda que non comparto en absoluto as súas ideas, cheguei a terlle certa admiración por un rasgo de “elegancia política” que tivo en certo momento. Debatían vostedes sobre posibles irregularidades nas obras da Cidade da Cultura (Gaiás) e no intre en que pasaban ás votación, vostede non quixo participar e abandonou a xuntanza. Posteriormente comentou que non quería xudicializar a vida política. ¡Un xesto honroso!

O malo é que ese xesto persoal non foi trasmitido, ou non foi asumido pola súa propia xente, xa que aquí temos un concelleiro do seu partido que xudicializa todo o xudicializable e máis. Ben é verdade que á hora das votacións non se come un rosco.

Pois ven, co motivo da súa recente renuncia ó cargo que ostentaba dentro do partido PSde G, comentou as causas que o levaban a tomar esa decisión, engadiu tamén que a campaña electoral para o día 1 de marzo, fora a máis sucia da Historia da Democracia; con isto non estou de acordo.

Na miña opinión a campaña electoral máis sucia, non da Historia da Democracia senón da Historia en xeral, é patrimonio do PSOE; produciuse un sábado de reflexión do ano 2004, cando co motivo dun lamentable e aborrecible vandalismo terrorista, atopou terreo estercado para argumentar o motivo da movilización. O balbordo foi pilotado por o Sr. Rubalcaba, un dirixente residual do goberno de Felipe González, cuxa nefasta xestión todos coñecemos e o cidadán non esquece.

Xa ve, Sr. Touriño, un acaba sendo xulgado polos seus propios comentarios.