A estas alturas, logo de varios anos desque o Concello de Vigo - dende a esquerda e dende a dereita- privatizara as rúas de todos e de todas en forma da chamada “zona azul”, é de dominio público que esa regulamentación do aparcamento non sirve para nada. Excepto para amolar e exprimir os petos da cidadanía. Descoñezo se o alcalde tentou algunha vez estacionar polas rúas da cidade e se algunha vez perdeu o tempo e a paciencia buscando un imposíbel por Vigo adiante. Con XER -que é a ORA da nova empresa beneficiaria da explotación dos bens comúns-, ou sen XER.O aparcamento regulado é un timo en todos os aspectos, non soluciona a carencia de lugares para deixar os coches e,asemade,a súa ordenanza está feita para dotar de atrancos aos homes e mulleres que só queren ir traballar,mercar,pasear ou descansar ás súas casas.E digo ás súas casas porque o Concello empéñase en facer a vida difícil a quen tenta obter,por exemplo,un distintivo de residente. Cando eu o pedín logo da chegada da nova adxudicataria (coa anterior sempre mo deron), denegáronmo por non ter o meu enderezo actual no DNI, cando é ben doado saber onde vivo polo censo municipal, e cambiar o DNI xa sabemos o que supón. Ou é que a documentación do Concello non serve de nada?, porque as multas ben que chegan a casa! Cando volvín a presentar a documentación, desta vez co pasaporte (pois o papeliño da empresa dicía que tamén valía), que é un documento oficial sen enderezo, nunca recibín resposta; nin da empresa, nin do requerimento que presentei na lonxa do Concello dirixido a Xulio Calviño, azote dos condutores e condutoras. Digo eu que para ser “residente” debería bastar con que demostres que o coche é teu e que vives nese lugar.Vaia, que eres cidadán de Vigo. O resto, xa o dixen, son atrancos movidos por intereses recadatorios. E un apuntamento final. Ninguén que teña un coche de empresa, que hai moitos e moitas,pode obter nunca a residencia por non levar a documentación do vehículo o seu enderezo,malia que a empresa certifique que é para uso dunha determinada persoa. Outra demostración máis de que a XER non está para facilitar a vida da cidadanía, senón para recadar cunha cínica privatización do que debería ser de libre uso para todos e todas.