Celebro con satisfacción que Gerardo Alonso Porto teña lidas as cartas remitidas por este servidor ao Faro de Vigo. Lamento e sinto lástima porque vexo que non entende nada do que escribo, e iso que foi concelleiro de Educación. Segundo el, o colexio onde traballo pegou un cambio radical gracias a súa xestión, home, eu sempre pensei que todas as actuacións que se desenvolveron para mellorar o centro foron debidas a toda a comunidade educativa deste centro e ao apoio do goberno do noso concello.Pero ben, igual estou trabucado. Di que utilizo covardemente o nome do colexio.Dende logo non o entendo, máis ben penso que é todo o contrario. Cando asino as cartas co meu nome e a profesión que desempeño no meu centro de traballo é para que a persona aludida me poida identificar e saiba quen lle di publicamente esas atrevidas e sorprendentes declaracións segundo el. Xa sabe quen son e por iso volvo atreverme a dicir o que penso. Non é por descoñecemento do que pasou, pois a min iso non me preocupa,nin o que lle poidera pasar mentras foi membro do PSOE, nin os altercados que puidera ter nas sesións plenarias.Iso é un problema que terán que resolver os distintos grupos políticos do concello. Nen sequera falo de ilegalidade na súa condición de Non adscrito. Eu só falo de actitudes,de dignidade. A falta desta é o máis desprezable dunha persoa e xa non digamos dun político. Dignidade si,dignidade.Por que como se pode andar coa cabeza alta, cando un se mantén no concello despois de traizoar ao grupo polo que foi elixido.Como se pode andar polo concello sabendo que se ten secuestrado os votos de moita xente que apoiou unha candidatura e que agora os ten retidos. Como se pode ser tan miserable. Non o entendo. E isto o digo eu, un cidadán que non tivo nen ten cargo político algún, pero que ten dignidade e dereito a expresar en voz alta o que cre que está a ocorrer no concello de Mos para tratar de levar esta infamia que se está a facer á opinión pública. Só pretendo que os cidadáns e cidadás de Mos se pregunten, coñezan, debatan, o desenmascaren... O pobo é sabio; é verdade que ás veces esquecemos, máis procurarei estar aquí para recordarlle as veces que faga falta o que nunca se debe facer en política