Viaxar pola mariña lucense no FEVE pode ser unha experiencia recomendabel. Sempre e cando teñas tempo e pacencia, claro. O verde e o azul mestúranse en toda a liña da costa. Semella un dos derradeiros paraísos galegos. So de cando en vez aparece a sombra dalgunha vila de estrana e inesquecíbel planificación urbanística. Tendo que agardar dúas horas para que a marea fose propicia na praia das catedrais, demos en visitar unha desas vilas con "encanto". Chegamos a Foz. A mítica Foz de praias paradisíacas. Axiña decateime de que algo non ía ben polas olladas que os focenses botaban a miña cámara de fotos. Unha señora barruntou que as miñas fotos serían para o xornal "El Progreso".

De súpeto, apareceron edificios en construción, edificios construidos de máis e grúas, moreas de grúas coma boitres. Fronte cada mole de dubidosa feitura, xurdía outra se cadra máis horrenda. De cando en vez amosábase un burato entre dous monstruos de semellante fealdade onde alguén estaba a sustentar os cimentos dun novo esperpento urbanístico. A vila amosábase atroz coma

unha mousse de asfalto con moitos tropezóns desiguais. Eiquí e acolá as vallas publicitarias anunciaban "viviendas de calidad con piscina junto al mar". Pero o mar non aparecía por ningures. Tampouco se albiscaba moito espazo para piscinas. Non había nin restos de plazas públicas. Entre torres grises apareceu a casa do concello, a máis grotesca do país.

Descendendo coma a vila mesma chegamos á zona vella de Foz. Fronte ó porto érguese a igrexa. De súpeto no campanario xurdiu a sombra doutra grúa acechante... E alí mesmo, fronte á mítica praia da Rapadoira, atopamos un complexo de moles de ladrillo estilo cidade dormitorio.

A fuxida de Foz non resultou doada. O mapa sinalaba unha zona verde no medio daquel queixo de cemento. Pero ó chegar alí converteuse nun polígono de chalets monótonos sen sitio pra unha folla de prixel. E no medio e medio da vila atopamos a verdadeira catedral de Foz, unha macro antena de telefonía móbil.

Os nenos de Foz xa non soñan con Alonso ou Torres senón con "el pocero". Soñan con construir moitas torres de apartamentos a carón do mar