Asistín a unha xornada das denominadas "Coñeza a súa provincia", ou algo así, que organiza a Deputación de Pontevedra, por medio das Asociacións de Veciños, na que pagando dez euros te levan a ver diversas instalacións dependentes de dita Deputación, con comida, viaxe, discurso-mitin-propaganda e regalo incluídos, coma é de precepto... A que me soa esto?

Un dos sitios os que nos levaron foi a ver o hórreo e horta, xa se sabe, recorrido programado para encher esa media hora de antes da comida, do pazo-granxa de Gandarón, preto de Pontevedra.

Ó entrar no pazo, no nos impresionou o millo, inzado de xurxa que por moita investigación non dan controlado, nin a viña, que calquera viticultor da zona do Salnés ten mellor coidada, nin as árbores ou o hórreo, porque con ser significados, non son cousa doutro mundo. O que si nos golpeou, foi a ducia, máis ou menos, de aves rapaces, destinadas a espantar ós paxaros -pegas, pardais...- que lle estragan a sementeira.

O impacto é brutal, asegúrolle. Ver esas rapaces de porte maxestoso, potente, desafiante, reducidas ó espacio que lle permite unha corda de menos de medio metro atada ás dúas patas, por si se lle rompe unha, supoño, suxeita a unha estaca cravada na terra, da unha sensación de insensibilidade, de impotencia, imposible de reprimir.

É deplorable e vergonzoso que este pazo, rexido, controlado e administrado pola Deputación de Pontevedra, co señor Rafael Louzán á fronte, sirva de exemplo de escravitude e maltrato de animais. Non pode ser desculpa o que a súa presencia espante a outros paxaros, pois hoxe hai medios eficaces para este fin, dos que, por certo, xa fan uso moitos dos labregos.

Ó sol, á choiva, sen auga para que poidan beber, sen espacio que lle permita dar máis de dous pequenos saltos... Como se pode martirizar de esa forma a un animal, algún, coido, que en perigo de extinción? Como se nos pode esixir respeto á natureza e o medio ambiente? Que exemplo pode tomar un rapaz dos que fan algunha viaxe de fin de curso, que, supoño os levan aí?

Responsabeis dese centro, señor Louzán, coma máximo responsable: esa vergoña non se arranxa cun papeliño-enquisa, estudiado e preparado para que digamos que todo está moi ben.

Por certo: onde están os ecoloxistas?