Ás veces para os pais e nais dos meniños "especiais" semella que o todo se detén nun mesmo punto aínda que o tempo avance inexorablemente. Somos como hámsters correndo freneticamente na roda para chegar ao mesmo punto de partida: ningures. Escribo estas líneas pensando que no 2003 estaba a facer o mesmo só que con outra asociación. Aquel colexio de Hoy por Mañana pechou, si, pechou, para vergoña de todos os responsables das administracións que debían fornecerla dos orzamentos necesarios para que puideran realizar o seu labor educativo sen ter que recorrer á caridade institucional, coma sempre.

Daquela o concello de Vigo involucrouse plenamente: habilitaran unha casa a través dun obradoiro de emprego e cedera o seu uso para atender educativamente a meniños de cero a seis anos. Unhas instalacións pequenas pero ben dotadas deron servizo a cerca de vintecinco rapaces durante os catro anos que estivo aberto.

Sen embargo, non se puido manter o centro porque ningunha das tres consellerías ás que lles correspondería compartir as responsabilidades económicas -educación, sanidade e familia- non o fixeron. Os nosos cativos tiveron que comezar unha andaina polos centros de educación especial de Vigo: Aspanaex, San Rafael, etcétera.

Todo igual: ou non se axeitaban ás necesidades educativas dos nosos fillos ou non había prazas.

Finalmente, unha ducía de pais e nais, case que desesperados pensando que teríamos que volver pechar os nosos fillos nas casas de novo, tivemos a sorte de atopar unha praza nun centro que outra asociación -Amencer- tiña no colexio de Pontemuíños (entre Pontevedra e Marín). Dende o peche do colexio de Hoy por Mañana, Amencer estudiou a posibilidade de abrir un centro nesta cidade para cubrir o oco deixado polo que desaparecera.

En Vilagarcía inauguraron un centro este mesmo ano. A mediados do ano 2006 o concello de Vigo ofreceu unha parcela en Cambeses, pero os terreos non eran idóneos. A finais dese mesmo ano ofrécese outro terreo a carón do colexio Pereiró-Castrelos, pero non pode ser porque hai unha reserva de solo para posibles ampliacións deste centro escolar. Por último, en xaneiro de 2007, ofrecen a parcela 16 no polígono de Valadares. Hai mutuo acordo. Aceléranse os trámites, informes urbanísticos e a redacción do plego de condicións para o concurso público porque as eleccións se botan enriba. Por se acaso, a alcaldesa de entón asina un documento de intencionalidade para a cesión deste terreo días antes da celebración das eleccións.

Cambia a corporación como xa sabemos. Pídese unha entrevista co novo alcalde o 14 de novembro no que se mostra moi receptivo e comprométese a ter o asunto arranxado. Non se volveu ter noticias del. Seis meses despois, o 21 de abril de 2008, recibiunos a concelleira de Benestar Social coa noticia de que agora eses terreos ían ter outro destino moi diferente.

"Borrón y cuenta nueva", como di o dito popular, a comezar de cero de novo. Síntome un hámster que escribe, un hámster canso ata de escribir.