En relación ao artigo publicado o día 2 de xuño e no espazo "El Patio de Cachamuiña", desexo puntualizar que dona Carmen Silva Rego viaxou formando parte da ampla representación cidadá que acompañaba á delegación que defendía a candidatura de Vigo como sede da Universiada 2013, en calidade de senadora residente na cidade.

A devandita delegación estaba composta por persoas representativas do mundo do deporte, da empresa, das finanzas e tamén da política. A señora Silva Rego, ademais do seu cargo actual de senadora, é a voceira do Grupo Socialista no Senado, o que lle confire unha especial relevancia política. O Grupo Municipal Socialista do Concello de Vigo considerou que a presenza da voceira socialista no Senado era un notable apoio para a Universiada Vigo 2013, e por esta razón solicitouselle que estivese presente en Bruxelas.

Quero poñer ademais no seu coñecemento que a señora Silva Rego obtivo un amplísimo apoio cidadán vigués nas últimas eleccións ao Senado, por enriba dos 69.000 votos sendo a socialista máis votada na cidade.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideramos que é unha honra poder contar con vigueses e viguesas de gran recoñecemento e peso político, como é o caso de dona Carmen Silva.