A través de distintos medios de comunicación púxose en cuestión a asignación horaria, e mesmo a inclusión, de Ciencias para o Mundo Contemporáneo no Bacharelato. Resulta cando menos sorprendente ver de quen parten as voces que se pronuncian en contra.

Pero xa está, xa se truncou de novo a oportunidade de transmitirlle á sociedade que a ciencia e a tecnoloxía forman parte da cultura. Tamén, de novo, temos permiso para facer ostentación do noso analfabetismo científico sen ruborizarnos e sen decatarnos de que estamos en realidade presumindo da nosa falta de cultura.

A inclusión de Ciencias para o Mundo Contemporáneo nas distintas modalidades de bacharelato outorga ó coñecemento científico o rango que debe ocupar ó ser considerado como parte da cultura xeral da cidadanía.

Se en todo momento a alfabetización científica foi fundamental para asegurar un futuro desexable para a nación, neste momento non cabe dúbida algunha sobre a súa incidencia neste eido. Ó respecto pronunciase claramente o traballo: "Europa necesita máis científicos", realizado pola Comisión Europea.

Con todo, a principal finalidade da materia citada está relacionada co Artigo 27 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos: "Toda persoa ten dereito a participar no progreso científico e nos beneficios que del resulten". O termo participar non deixa ningunha dúbida sobre o alcance e sentido deste artigo.

Non somos quen de ver que das once materias comúns que ten o alumnado no Bacharelato, é esta a única materia de coñecemento científico?

Sabemos que esta etapa debe preparar para os estudos de nivel superior pero, tamén sabemos, que debe facelo sen descoidar a formación integral das persoas.

Non somos capaces de percibir que, a partir de terceiro da ESO, unha boa parte do alumnado deixa de ter contacto con materias de ciencias no sistema educativo?

Tal como está formulada, a finalidade da materia é a de asegurar que toda a cidadanía poida fundamentar as súas decisións relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, tanto na súa vida persoal como social, e que estea capacitada para participar na sociedade, en temas que son vitais para o futuro da humanidade.

Unha sociedade que pretende camiñar cara á democracia, non pode permitirse o luxo de prescindir desa formación.