Os vigueses somos moi especiais cando é a civismo ó que nos referimos. Quen non pisou un excremento canino, tropezou cunha lousa na rúa, evitou as moreas de lixo acumuladas ó pé dos colectores? Seguramente, e sen dubidado nin un instante, as respostas serían todas de "Si; pisei, tropecei e evitei o lixo".

Todos os que andamos polas rúas da nosa cidade olívica temos comprobado a suciedade e o abandono serodio ó que éstas están sometidas. Na lexislatura da ex alcaldesa Corina Porro, a cidade mellorou enormemente, este é un feito que non podemos negar (certo é que tamén houbo algún barrio da periferia que non gozou de melloras) pero dende o meu punto de vista, observo unha perda de interese do señor alcalde na posta en marcha de medidas que arranxen a falta de salubridade das beirarrúas da urbe. Un exemplo moi claro é a posta en marcha das motos recolledoras de excrementos que na "época Corina" percorrían as rúas, agora é imposible atoparse con algunha delas, pero tampouco de outras medidas que puideran habelas substituido.

O lixo é outro problema co que arrastramos dende hai anos. Sexa cal sexa o colector que tomemos como exemplo (e tendo en conta a hora do día), este sempre estará illado por un alto número de bolsas de lixo. As bolsas en cuestión, non están alí por falta de espazo no interior do colector-nin moito menos!- senón pola pouca graza que nos fai levantar unha tapa (cada vez máis noxenta e pegañenta) e manchar os dedos.

Eu, dende a miña sinceridade, contemplei que un veciño da miña rúa botaba o lixo pola ventá do seu terceiro piso intentando facer un "tiro libre" para que a bolsa entre no cesto. Todo isto lévanos a ter unhas rúas tinxidas por multiplicidade de cores e, o que é peor, cheiros incontrolados que chegan a abafar nos días calurosos. Non é un problema só da alcaldía -aínda que ésta podería controlado máis- senón que nace do civismo que debería aniñar no noso interior.

Fago un chamamento ó señor alcalde: desexaría a posta en marcha dalgún tipo de reforzo nas labores de limpeza da cidade, e que poidamos saír á rúa sen a necesidade de catar a gran gamma de olores da podredume.