Vivimos nun mundo que non se pode considerar xusto en absoluto. Non é unha reflexión adolescente senón que vou xustificar esta opinión en relación a feitos que xa vivín.

Hai cousa de dous veráns crucei Galicia de sur a norte; era a época na que os incendios fixeron que estivésemos a punto de perder parte da nosa identidade. Falábase de que nalgúns casos os propios membros de brigadas antiincendios eran os responsables de ocasionar tales lumes.

Outro caso de inxustiza é o prezo do leite que segundo teño escoitado reporta ós gandeiros unha porcentaxe de beneficios que nada ten que ver co prezo de mercado.

Estes dous exemplos serven para demostrar que ben sei do que falo cando digo que este mundo non é xusto, alomenos no que a temas laborais se refire.

Vou centrarme na historia que despertou a miña atención. Un destes días na clase de Didáctica da lingua e literatura galega (son estudante de 2º de Maxisterio na especialidade de Primaria) comezamos a ler no DOGA (Diario Oficial de Galicia) a normativa que se refire a dita área curricular. Pois ben, a que non se imaxinan o que descubrimos? Non está ben escrita, ten tantos erros de vocabulario e de expresión que un ten que cuestionarse demasiadas cousas. É incomprensible que unha lei de educación, e sobre todo, falando dunha área coma a de lingua poda estar tan ridiculamente escrita. E que dicir dos responsables de escribila e corrixila? Pois de seguro que son xente adicada a estas funcións cun soldo asinado por un organismo público e cunha "preocupación" pola educación. É inxusto, non cabe dúbida. Unha persoa interesada pola educación debe destacar na súa responsabilidade e ter conciencia da importancia do falar e escribir ben. Os mestres sempre asemellan ser os únicos e máximos responsables do fracaso escolar pero, sen embargo, ninguén di que están suxeitos a leis mal escritas. Alguén debería dicirlle a estas persoas que dictan as leis que se queren gañar cartos a mellor forma non é xogar coa educación. E non digo que o decreto sexa malo (iso é política) senón que, simplemente, os que dirixen o país (espero que non todos) permitiron a mala escritura nunha lei. Por iso, qué podemos esperar deles?