Día a día atopámonos na rúa con diversidade de persoas de diferentes nacionalidades. Traballamos xuntos, mercamos nos mesmos lugares, disfrutamos do bo tempo nas mesmas praias e despois disto, por qué consideramos ós inmigrantes diferentes? A diversidade de culturas é o que fai que un país sexa rico pero aínda así abusamos de persoas que sinxelamente queren traballar para poder vivir dunha maneira digna porque nos seus países de procedencia non poden.

Cada vez que unha persoa decide deixar a súa familia, os seus amigos e a súa terra para dirixirse a outro país, co fin de conseguir diñeiro e sacar así a súa familia da pobreza, énchese de ilusión e esperanza, pero cando chega aquí, con qué se atopa? Para poder entrar no país dunha forma legal ten que traer un billete de ida e volta, un visado de turista e 1.500 euros. Isto é só o principio dunha gran batalla.

Primeiro teñen que conseguir un traballo no que lles fagan un contrato e, vendo como está a actitude de moitos empresarios cos traballadores... se poden ter a alguén traballando 12 h. por un soldo miserable, prefíreno, porque lles sae máis rendible e xogan con vantaxe pola necesidade das persoas.

Despois, por medio do traballo, solicitan unha tarxeta de residencia e un permiso de traballo, pero só poderán obtelo mentres lles dure o contrato porque, se os despiden, o proceso queda anulado. Tamén deberán cumprir unha serie de requisitos para poder optar ós papeis que son, por exemplo, que non teñan antecedentes policiais ou que no caso de ter menores ó seu cargo estean en boas condicións, é dicir, que se lles trata como delincuentes, investigando ata o último detalle da súa vida.

Chegados aquí aínda non acabou a loita, porque o proceso non chegará ó final ata pasados cinco anos que é cando poderán solicitar a tarxeta de residencia definitiva. Durante o 1º ano teñen que traballar no mesmo, aínda que sexa en lugares diferentes; algo absurdo porque é evidente que, ó chegar a algún país descoñecido e sen recursos, aferraranse ó primeiro traballo que atopen polo sinxelo feito de subsistir.

Na maioría dos casos unha persoa da familia é a que vai a outro país para conseguir todo isto e poder así optar a unha reagrupación familiar que consiste en que o emigrante poida traer ós seus familiares de 1º grao.

Con todo isto chegamos á conclusión de que é preciso ter un control de quen entra no noso país pero nunca xulgando "a priori" a ninguén e moito menos aproveitarnos das desgrazas dos demais.

Como di o poeta Celso Emilio Ferreiro:

"Común temos a patria,/ común a loita, ambos./ A miña man che dou,/ coma un irmán che falo".