Quero dirixir esta carta a tódolos celtistas pero tamén a todos aqueles que teñan responsabilidades deportivas no Real Club Celta de Vigo.

É evidente que a situación actual é do máis decepcionante. Non vou falar do partido ante o Albacete nin de ningún outro partido pasado. Supoño que case tódolos seguidores do equipo están tremendamente decepcionados e tamén supoño que xa todos nos decatamos de que o Celta non vai subir a primeira esta temporada e, supoño, que iso pode aceptarse e ir pensando na vindeira.

Pero o motivo desta carta é ben outro...

Moito me temo que o equipo actual é incapaz de gañar un so partido. Temo tamén que a posibilidade de descender a 2ª B é máis grande do que moitos pensan. Estou esaxerando? Pode alguén dicirme cales dos seguintes encontros que lle quedan ó Celta van ser os que poidan gañar? Como van conseguir estes xogadores os puntos que aínda faltan para conservar a categoría?

Descender a 2ª B supoñería, ademais, o descenso obrigatorio do Celta B a terceira. En tempos, eu xa fun ver xogar ó primeiro equipo do Celta en campos de 2ª B. Facíase por amor ó clube e ó que representaba. Ter xogado noutras divisións é curriculum, por dicilo dalgún xeito. Pero nos tempos actuais ese descenso propiciaría a práctica desaparición da entidade ou, cando menos, unha longa travesía do deserto que as arcas do clube non poderían superar.

Desexo a demisión da directiva, si, pero unha vez aseguren a permanencia en 2ª división. Propoño que sexa o Celta B (ó completo) o que se encargue de conseguir os puntos que faltan. Non sei se teñen máis ou menos calidade que os de 2ª pero seguro que teñen máis interés. Por suposto, poderían ser axudados polos escasos xogadores do primeiro equipo que, ó longo desta temporada, demostraron ter algo de vergonza. Que tamén os hai.

Todos sabemos quen son e, se fai falta, poderíase facer unha enquisa entre os lectores deste diario para dilucidalo. Co resto, o mellor que se pode facer, é darlles vacacións anticipadas e pedirlles que, por favor, non aparezan polas instalacións deportivas do club ata que sexan chamados de novo.