O día 10 de novembro, nesta mesma sección, estaban publicadas as grandes explicacións que daba o señor don José Romero, presidente comarcal de Vodafone, sobor da explotación da antena Seoane. Pois á vista está que de alta tecnoloxía nada, porque fose polo que fose estoupou.

Miña familia máis eu vivimos a escasos 5 metros da famosa antena. Dende o primeiro momento no que soubemos o que alí nos ían colocar, opuxémonos todos, pero foi imposible, porque pola "falsa", sen licenza nin permisos de ningunha clase conseguiron levala a cabo. En anteriores cartas xa explicou o presidente do noso centro veciñal, a maneira que tivo esta xente de traballar.

A noite na que aconteceu a explosión, na nosa casa romperon cristais e persianas, e ata sen luz nos quedamos, o susto foi enorme. Nos días posteriores foi un "exército" de xente a que por alí pasou, pero ate o día de hoxe ninguén se preocupou polos danos causados, nin vostede señor presidente, nin o noso querido veciño, que tivo a feliz idea de alugar o campo e os cortellos onde tiña metidos os porcos e as galiñas, xusto diante da nosa porta e fiestras por un puñado de cartos. Estivemos un tempo sen cristais nin persianas, pasando frío dentro da nosa casa, agardando que algún deles pasara por aquí; dado que ninguén se dignou a pasar, non nos quedou outra que colocar os cristais e persianas. Somos unha familia que vive do seu traballo honradamente (non coma outros!!), e no noso presuposto non entraba ese gasto.

Ou sexa que: señor presidente de Vodafone, nós (que sí temos educación) pedímoslle que nos pague dunha vez a factura.