Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

De Fene, alérxico ao bipartidismo

Sobre este blog de Comarcas

Puntadas, pespuntes e ganduxes


Archivo

  • 26
    Junio
    2015

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Fene

    .O urbanismo en 'stand-by'

    O maior obstáculo para evolución municipal radica na continuidade dun obsolescente modelo urbanístico, que só terá solución, dende a acción combinada de medidas de desenvolvemento económico e social con políticas de cohesión territorial.

    .O urbanismo en 'stand-by'

    Á hora de establecer os recén conformados "concellos de progreso", aínda e cando entre os seus integrantes para efectos programáticos fusionaron sensibilidades políticas de afinidade, durante o proceso constitutivo, o grande ausente foi sen dúbida o urbanismo, e iso, a pesar que dende o estalido da crise no 2007 a quebra do modelo que conduciunos a ela fíxose mais patente como a disfunción territorial máis evidente, e cando en razón a iso, dende unha análise crítica da situación os novos rexedores municipais deberan tomar encontro coa realidade adxudicando especial protagonismo ao establecemento de instrumentos e estilos alternativos de planificación urbanística, a realidade foi que contra todo prognóstico as cousas discorreron por rumbos opostos.

    Pois en vez de proceder en consecuencia, preferiron non facer lectura das causas que ocasionaron a actual "eutanasia urbanística", non entrando polo tanto no fondo da cuestión, renunciando así á necesaria catarse que con carácter ineludible tería de  afrontarse politicamente para afianzar con solvencia un modelo urbanístico de futuro, formulado acorde á realidade do momento, e polo tanto, diametralmente diverxente co estereotipo do urbanismo mercantilista de épocas pretéritas, resultando tal actitude ademais dun erro de estratexia, unha sordidez política, pois dificilmente  pódese falar de cambios e progreso na esfera municipal cando institucionalmente mantense vixente o modelo urbanístico desencadeante do escenario da crise que estamos a padecer.

    Por mais maximalismos que se esgriman, cumpre afirmar que sen mediar como urxente un cambio de perspectiva acerca da innovación política no territorio e o urbanismo, é impensable un cambio efectivo no facer municipal, pois para que tal obxectivo poida levarse a termo non abonda con alardear de conciencia progresista ao ser necesario previamente un exercicio de correspondencia para lograr a tradución efectiva de formulacións, a través da posta en práctica de políticas sobre ordenación do solo que dende a transversalidad conteñan ingredientes participativos que permitan aflorar novos modelos de xestión e unha dialéctica urbanística renovada; pois sen darse esa premisa, sobra dicir, que toda retórica sobre o cambio na función política, mais que facerse visible pasará a formar parte da esterilidade.

    O que quero dicir, é que para levar a termo o cambio político na esfera municipal, non abonda con proclamas de intencións, pois a cousa ten de ir mais alá, toda vez que a axenda cara á evolución demanda de forma seria tomar coñecemento preciso da situación promovendo para o efecto as modificacións e revisións necesarias en evitación que a lexislación dun urbanismo obsoleto interrompa o proceso de renovación política. Risco evidente como pon de manifesto a continuidade da totalidade das figuras do actual planeamento xenuíno, que polo seu desfase coa realidade limitan toda iniciativa de renovación no ámbito local, convertendo o seu contido en meros inventarios catastrais con exclusiva finalidade recadatoria, que na maioría dos casos faise marcadamente ostensible cando a súa inadecuación delata que os valores impositivos superan de sobra ás propias taxacións de mercado.

    É por iso que actualmente o urbanismo atravesa as súas horas máis baixas dende a transición e non tan só pola contracción impelida pola crise na súa actividade, senón especialmente, polo empeño de seguir mantendo operativo no tempo o esgotado modelo dun crecemento desaforado, cando a inexistente presión urbanística recomenda xusto o contrario, toda vez que o alcance do seu contido difire nos substancial de ser coherente coa reactivación económica como tamén coas necesidades da cidadanía. Sendo por iso que agora, sen que caiba dilación, toque recuperar o tempo perdido e corrixir os erros levados a cabo ao abeiro do "urbanismo desarrollista" de épocas pretéritas, afrontando para o efecto, un cambio de patrón urbanístico e de intervención territorial que pola súa condición resolutiva permita o maior aproveitamento dos recursos do seu ámbito e reduza á mínima expresión os seus efectos negativos.

    .O urbanismo en 'stand-by'Queda visto que a actual crise urbanística é sobre todo unha crise social e política, que como tal hase de combater e erradicar, por iso que en tempos tan revoltos como os presentes, de grandes dúbidas e case parálise, a inacción participativa resulta ser o peor dos aliados, sendo necesario mais que nunca a posta en marcha dun modelo urbanístico alternativo, a entrada en escena dunha ética diferente na planificación de solucións e que a cidadanía teña garantida participación na construción do seu propio futuro.

    De aí a consecuencia de fusionar nos respectivos Programas de Actuación Urbanística do planeamento resultante, cantas iniciativas de índole municipal sexan posible incorporar como directivas programáticas, prescindindo así da mala praxe dos cabos soltos que caracterizan o inicio do mandato dunhas corporacións que pola súa condición progresista, deberan ser un exemplo de severidade.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook