Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de Gran Vigo

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 24
    Julio
    2014

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Un ano da traxedia de Angrois

    Orquesta Olympus 2014 -Batemento - Homenaxe a Angrois - Foto

    Portada do tema Angrois, do grupo Batemento, en colaboración coa orquestra Olympus

    O accidente ferroviario que acabou coa vida de 79 persoas hai exactamente un ano colleume, como a moitos, de festa. Aínda hoxe podo lembrar aquela sensación de espanto cando, esperando para que comezase a tocar a orquestra COSTA OESTE no Burgo, recibín aquel maldito WhatsApp preguntándome se sabía o que pasara en Santiago, que había ducias de mortos e que parecía que ían suspender os fogos artificiais do Apóstolo. Rapidamente accedín ás webs dos xornais para contemplar horrorizado aqueles titulares de última hora, confusos aínda, que alertaban de moitos falecidos nun accidente dun Alvia en Angrois.

    A noticia empeza a estenderse polo campo da festa e polas numerosas atraccións de feira que enchen sempre a explanada envexable das festas do Burgo, ao pé da ría e do seu paseo. Xa é a hora de empezar a verbena pero os amigos de COSTA OESTE non dan sinais de vida. Con case media hora de atraso empeza o primeiro pase. Véselles nas caras que ocorre algo estraño, pero eles seguen de maneira moi profesional coas primeiras cancións ata que no terceiro tema Juan Carlos Terán ten unhas palabras emocionadas para as vítimas e os seus familiares ao tempo que lles ofrece a actuación desa noite. Ovación longa e sentida por parte do público.

    Aínda que pareza mentira, nesa noite tan difícil os compoñentes de COSTA OESTE son capaces de levantar unha festa que prometía ser un auténtico fracaso e proseguen a súa actuación ata o descanso. Eu non dou feito entre a gravación da actuación e atender o Facebook de Festa a Festa, que arde. Desde o escenario danse as últimas cifras arrepiantes de mortos e feridos e pídese que a xente vaia ao Chuac para doar sangue. A estampida do Burgo é inusual e moitos festeiros diríxense cara aos seus coches para achegarse ata o complexo hospitalario coruñés. Nós tamén imos.

    As colas para doar na unidade móbil instalada son longuísimas e demostran a solidaridade cos feridos e as súas familias. Despois de estar alí un tempo decidimos marchar, pero en vez de ir para a festa tomamos rumbo cara á casa. As cifras seguen aumentando e o corpo non ten ganas de festa. Unha estraña sensación de dor e impotencia chega para quedar aquela longa fin de semana. Esa sensación que aínda volve cando lembro aquel maldito día e que hoxe, xa o sabía, volveume visitar.

    E un ano despois daquela terrible noite, decidín que a mellor homenaxe que podía facer Festa a Festa ás vítimas de Angrois era publicar o traballo do grupo BATEMENTO en colaboración coa orquestra OLYMPUS. Un traballo desinteresado, dirixido por Peke e levado a cabo visualmente por Mero Afonso, coa colaboración do resto da orquestra de Negreira, en especial de Maythe Leiva e Frank Véliz nas voces e no vídeo. Un traballo que quere facer unha homenaxe ás vítimas e aos seus familiares así como o recoñecemento do traballo de voluntarios e profesionais, e no que tamén hai que destacar o labor desinteresado de Ezequiel Alonso (fotografía e deseño) e dos estudios de grabación Élite Musical.

    Esta é a razón pola que no momento de publicar o tema do grupo BATEMENTO (de Salceda de Caselas) en Festa a Festa non nos fixemos eco da súa saída, pois queriamos deixalo para hoxe ao non atopar mellor forma de homenaxe por parte nosa.

    Este e outros temas, xunto coa orquestra OLYMPUS, poderemos escoitalos no cerre das Festas do Apóstolo de Santiago o día 31; sen dúbida a verdadeira homenaxe sentida, en directo desde a Praza do Obradoiro, a poucos quilómetros de Angrois e desde o corazón da nosa terra.

    Oxalá nunca máis teñamos a necesidade de facer este tipo de homenaxes.

    Orquesta Olympus 2014 - Batemento - Homenaxe a Angrois - Foto 2Maythe Leiva, unha das voces da orquestra Olympus, colabora de forma especial na homenaxe

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook