Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de Gran Vigo

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 28
    Octubre
    2011

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    O Samaín de Cedeira, unha tradición galega

    cedeira-samain-2009-cartel

    O Samaín, e o comezo do novo ano celta, ten lugar 40 días despois do equinocio de outono, é dicir, entre o 31 de outubro e o 1 de novembro. Nestes días os nosos antergos lembraban os seus antepasados, ademais tiñan a crenza de que nestes días desaparecía o veo ou cúpula que separaba o mundo terreal do espiritual, polo que resultaba máis doado comunicarse cos espíritos. Era a época na que as tribos se recollían nos castros para pasar o inverno, os celtas adoitaban levar as cabezas dos seus inimigos e depositalas nos muros dos castros para lle dar protección ao castro e nas noites do samaín iluminábanas con fachos para manter o lugar protexido de visitas perturbadoras.

    Co abandono dos castros, abandonouse tamén o culto das cabezas decapitadas, pero non así o sentido desta celebración e cambiáronse as cabezas por cabazas, que aínda se manteñen nos nosos dias por algúns lugares de Galicia.

    O SAMAÍN EN CEDEIRA

    Chega unha das celebracións máis antergas de Cedeira: O Samaín. A piques de rematar o outono os celtas celebraban o paso ao inverno coa súa mítica festividadee. Os actos comezan na tarde do venres cun fiadeiro de castañas e un obradoiro de caveiras no Paseo do Pinzón, a partir das seis da tarde. Alí haberá zonchos (castañas cocidas coa súa pel) preparados para facer colares. Ás oito, o grupo Ringo Rango ofrecerá un espectáculo de circo, música e humor e ás dez da noite, no río, inaugurarase o Samaín 2011, coa Queima da Cabaza.

    O groso do programa deseñado pola Asociación de Amigos do Samaín concentrarase, como vén sendo habitual, na tarde do sábado 29. Ás cinco comezará, no Paseo do Pinzón, un concurso de cabazas, con premios para as máis chamativas polo seu tamaño, presentación e orixinalidade. Tamén a esa hora abrirase o prazo de inscrición para a xincana, que os máis ousados poderán rematar cunha visita de medo á Casa das Ánimas. Fusa Guillén encargarase do obradoiro de maquillaxe, para levar a cara acorde ao momento, e tamén haberá unha merenda a base de bola de azucre e requeixo. Os contacontos de Ni Fú ni Fá e a festa que transmitirán ós transeúntes os de Ánima Rúa cederán o protagonismo ó Pasarrúas das Pantasmas, que percorrerá a vila. Ao remate entregaranse os premios do concurso de cabazas. Aínda o martes 1 de novembro haberá actividades, coa representación, no auditorio municipal, ás oito da tarde, de "Mackie, o Navallas", a cargo da compañía Bartoleta Teatro.

    A festa do Samaín en Cedeira reivindícase como propia, libre de comparacións co cada vez máis omnipresente Halloween exportado desde os Estados Unidos. Cada vez en máis concellos pero especialmente en Cedeira, apóstase pola tradición.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook