Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de Gran Vigo

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 10
    Enero
    2012

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Máis forte que nunca: Galilea 2012

    Rumores de que GALILEA cerraba as súas portas. Rumores que, como moitas outras veces, resultaron ser falsos. E alegrámonos por iso, porque a orquestra GALILEA, sen levar unha grande infraestrutura, soubo facerse un lugar importante entre as orquestras de baile e continuará nesta nova temporada.

    A formación estradense renóvase case por completo. Pouco a pouco viamos como os seus músicos ían fichando nestes últimos meses por outras formacións musicais, incluídas as súas cantantes. Pero GALILEA está aquí de novo, e disposta a dar moita festa e ofrecer boa música de baile, a súa característica principal. A nova orquestra está xa totalmente montada e hoxe podemos darche toda a información.

    Orquesta Galilea 2012 - cartel presentación dianteira masculina

    A orquestra Galilea conserva os vocalistas destas últimas temporadas, Carlos Colmenares e Mario Guillén

    E así será a temporada 2012, cargada de novidades desde A Estrada para toda Galicia. A formación musical aposta duro polo seu novo espectáculo cargado de primicias e cun elenco de artistas renovado para dar o mellor dunha orquestra que cada ano foi medrando e gañando un lugar destacado entre as grandes orquestras de Galicia e o respeto do público.

    Para seguir medrando ou manterse nese importante lugar (que xa non é pouco tendo en conta os tempos que corren) GALILEA fichou recentemente a primeira das voces femininas para 2012. Trátase de MARÍA FOLGUEIRA, que xunto con MARIO GUILLÉN e CARLOS COLMENARES pasará a formar parte dunha exquisita dianteira que se completaría días máis tarde cunha cuarta voz. María provén da orquestra coruñesa ALARMA.

    Orquesta Galilea 2012 - cartel presentación vocalistaA ex Alarma María Folgueira pasa a formar parte da orquestra Galilea 2012

    E a cuarta voz tamén ten nome. Para completar a dianteira a orquestra GALILEA non dubidou en buscar unha artista con certa experiencia e con dotes demostrados. Chega directamente de Madrid e o seu nome é BÁRBARA MOLINA, avalada por unha traxectoria impecable a pesar da súa curta idade.

    A artista madrileña participou en numerosos programas de television nacional, como por exemplo Menudas Estrellas, e tamén en escenarios tan importantes como o Teatro Real ou o Teatro Monumental. Formada en canto, baile e interpretación, realizou varias xiras polos teatros e escenarios máis coñecidos a nivel estatal.

    A cantante madrileña estréase no mundo das orquestras en Galicia e daralle á formación musical moita forza. É, sen dúbida, unha das maiores apostas de GALILEA para 2012.

    Galilea 2012 - orquesta - cartel dianteiraA artista Bárbara Molina completa a dianteira 2012 da orquestra Galilea

    Tamén temos que destacar que tivo de produtor musical o famoso compositor Juan Carlos Calderón, co cal gravou un disco e con cuxo traballo tivo a oportunidade de representar a España no Festival de Viña del Mar. Agora o seu talento formará parte do espectáculo da orquestra máis famosa da Estrada.

    Pero non rematan aquí as novidades, nin moito menos. Temos todo o cadro de músicos de GALILEA para 2012. A formación musical xa está completamente formada para comezar en marzo a súa andaina por locais e campos da festa.

    Esta é, ao completo, a composición da orquestra estradense para 2012 na cal repiten as dúas voces masculinas e un músico, o guitarrista JOSÉ LUIS PRIETO, que asina a súa terceira temporada na banda musical. O resto son todos de nova incorporación e darán moito que falar, porque calidade, precisamente, non falta no elenco.

    ORQUESTRA GALILEA 2012

    Mario Guillén (voz, coros e dirección musical)

    Carlos Colmenares (voz e coros)

    María Folgueira (voz e coros)

    Bárbara Molina (voz e coros)

    William González (teclados e arranxos)

    Osvaldo Hernández (batería)

    Cristian Rey (baixo e contrabaixo)

    José Luis Prieto (guitarra)

    Benjamín Cordero "Chicho" (percusión)

    Yoandris Cachimaille (trompeta)

    Carlos (trombón)

    Juan Cuñarro (saxofón)

    Para manterse informados de toda a información da orquestra GALILEA podes visitar a súa nova e flamante páxina web www.orquestagalilea.com, aínda que permaneceremos ben atentos a todo canto nos ofreza esta orquestra, un dos nomes que máis vai dar que falar en 2012.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook