Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de Gran Vigo

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 27
    Marzo
    2012

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Los Van Van, a máis grande orquestra cubana de salsa, único concerto en Galicia

    Los Van Van 2012 - orquesta - foto

    A mítica banda cubana Los Van Van ofrece un único concerto en Galicia o vindeiro día 3 de abril na Sala Capitol de Santiago de Compostela

    Los Van Van, a máis grande orquestra cubana de salsa, en concerto o 3 de abril en Santiago

    Los Van Van, cualificados como os Rolling Stone da música cubana, levan 43 anos arrasando nos contextos salseiros de todo o mundo

    O concerto celebrarase na Sala Capitol o martes día 3 de abril ás 21:30 horas

    As entradas están á venda nas webs www.salacapitol.com e www.codetickets.com. O prezo da entrada anticipada é 18€ e na billetería custará 20 €

    O tren da salsa cubana chega cargado de enerxía a Santiago de Compostela. Los Van Van, os máis grandes da salsa cubana, darán un concerto único en Galicia o vindeiro martes día 3 de abril, dentro da programación deseñada para celebrar o 25 aniversario da Casa das Crechas. A cita será na compostelá Sala Capitol ás 21:30 horas. Trátase dun evento imprescindible para os e as amantes da música de baile latina, pois Los Van Van, a miúdo cualificados como os Rolling Stone da música cubana, levan 43 anos arrasando e enchendo estadios nos contextos salseiros de todo o mundo. Esta popularidade levou á orquestra a estar nominada aos Grammy en varias ocasións e mesmo gañaron un no ano 2000 polo disco Llegó Van Van.

    Desta volta presentarán en directo o seu último disco, La Maquinaria, co que suman xa 17 álbums, todos eles de referencia obrigada para os incondicionais do son cubano. A actuación será a única oportunidade para velos na nosa terra, dentro dunha xira europea que os levará tamén polo Reino Unido, Francia, Bélxica, Dinamarca, Alemaña, Luxemburgo, Italia, Austria, Suecia e Finlandia. Los Van Van subiranse ao escenario da Sala Capitol cunha formación de 16 músicos, encabezados polas voces de Yenisel Valdés, Mandy Cantero, Roberto Hernández e Abdel Rasalps e dirixidos man con man polo seu fundador, o baixista Juan Formell, e o seu fillo, o batería Samuel Formell.

    A venda anticipada de entradas xa está activa a través das páxinas web www.salacapitol.com e www.codetickets.com e na Casa das Crechas a un prezo de 18€ (máis gastos de xestión). O custe da entrada na billetería será de 20 €.

    A lenda cubana

    Los Van Van son sen dúbida un número un en Cuba e unha das orquestras de salsa máis importantes no mundo. Son ben elocuentes as comparativas que se empregan para destacar a súa transcendencia, a miúdo cualificados como os Rolling Stone de Cuba. Este recoñecemento é xeneralizado e mesmo un dos grandes como é Silvio Rodríguez afirmou: "se o Reino Unido ten a The Beatles, nós temos a Los Van Van".

    Los Van Van foron fundados en 1969 por Juan Formell, cuxa traxectoria anterior en varias agrupacións, desde a orquestra do Instituto Cubano de Radio e Televisión ata varios grupos de son e jazz ou a Orquesta Revé, encamiñaron a súa busca cara a un estilo de seu. Desde entón produciron algúns dos temas máis influentes da música latina de todos os tempos, introducindo novos ritmos e estilos que pegaron con forza nas salas de baile de medio mundo. A eles débense grandes hits como "Sandunguera", "Que le den candela", "Deja la ira", "Esto te pone la cabeza mala" e "El negro está cocinando".

    Xa a finais dos 70 e comezos dos 80 saltaron aos escenarios internacionais, sobre todo aos europeos, cun ritmo capaz de contaxiar aos bailadores máis escépticos. O seu emprego do saxofón sintetizado e dos violíns eléctricos e o son bravo dos seus trombóns chamaron moito a atención nese momento. Nos 90 seguiron conquistando terreos e foron a primeira orquestra de salsa en ofrecer un concerto na ópera de Sydney.

    Los Van Van caracterizáronse sempre por contar na súa formación coa crème de la crème dunha terra sementada de músicos como é Cuba. A súa lista de intérpretes incluíu aos mellores da salsa cubana, entre outros, a Pedrito Calvo, José Luis Cortés e César Pedroso. Por iso mantívose ata a actualidade entre as preferencias dun público de varias xeracións e tamén porque asistir a un concerto de salsa en directo adquire con Los Van Van unha nova dimensión.

    Un estilo único

    Cunha formación tradicional de percusión e ritmos derivados do rock, o funk e o jazz, Los Van Van combinan o swing propio dos violíns para música popular co son poderoso dos trombóns dunha gran big band.

    Foron das primeiras orquestras de música de baile que incorporaron instrumentos como o baixo, a guitarra eléctrica ou a frauta de sistema. Ademais, substituíron o traballo vocal pola montaxe de voces propia dos cuartetos. Esta experimentación serviu de punto de partida para que o seu contaxioso ritmo sentara as pautas da salsa. Foron tecendo así tamén o que se definiría como o songo, unha variante do son cubano.

    Conxugar talento, unha proposta bailable novidosa, unha enxeñosa maneira de contar nas súas cancións e un produto musical de amplo sentido estético son atributos que Los Van Van lle legaron á música cubana.

    LOS VAN VAN

    Martes, 3 de abril, 21:30 horas

    Sala Capitol * Santiago

    Merca a túa entrada en:

    www.salacapitol.com / Casa das Crechas

    18 € anticipada

    20 € na billetería

    Organiza: CdC25, Endirecto, Nordesía

    Patrocina: Heineken, Ron Ritual, Coca Cola

    Colabora: A.C. Cidade Vella

    Máis información en:

    www.vanvandeformell.com

    www.los-van-van.de

    www.facebook.com/mundovanvan

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook