Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de Gran Vigo

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 09
    Agosto
    2012

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    A Fervenza non defrauda

    Mazaricos 2012 - Festa do embalse da Fervenza - cartel Non é só unha das citas máis concorridas en Mazaricos, senón en toda a comarca e de sona mesmo en toda a provincia. A Festa da Fervenza, localizada nos amplos terreos anexos ao encoro construído na localidade, é unha desas celebracións populares que cada ano ía a máis, tanto en calidade do programa como en asistencia de público.

    Pero xa o ano pasado deu mostras de certo recorte no cartel ao substituír unha das tres orquestras case fixas nas últimas edicións, PARÍS DE NOIA, OLYMPUS e PANORAMA, por unha formación de menor caché.

    Pero as alarmas saltaron hai meses cando o Concello decidiu cancelar a organización desta festa para reservar o orzamento para outros fins; e así a piques estivemos de quedar sen Festa da Fervenza se non fose polo gran clamor e protestas que se deron nas redes sociais, principalmente Facebook, en contra desta medida.

    E así, grazas á Asociación de Amigos da Festa do Embalse da Fervenza, a XXI edición da festa sae adiante aínda que mutilada en canto a orzamento se refire. De todos os xeitos na primeira noite (venres) haberá un concerto de grupos rock. A noite grande do sábado contará con só unha das tres orquestras que eran referente este día en Mazaricos: OLYMPUS. Aínda que despois haberá unha sesión de música disco a cargo de varios DJ, a maioría de locais da zona. O domingo mantéñense moitas actividades xa tradicionais no encoro, entre elas o campionato de debullar o millo, amenizadas por un grupo de gaitas.

    A Festa da Fervenza resístese a desaparecer... ACTUALIZACIÓN LUNS 13 XXI Festa da Fervenza - Mazaricos - orquestra Olympus

    E a Fervenza non defraudou. O campo de festas ata os topes, e iso que non é precisamente pequeno, e unha orquestra como OLYMPUS, consciente da importancia da festa do sábado, que aguantou do persoal ata última hora e cubriu máis que ben a papeleta de facer unha festa como se estivese acompañada das súas máis directas rivais como nestes anos pasados cun repertorio contundente que non pasou desapercibido.

    Esperamos que o éxito da cita asegure a súa continuidade aínda que para iso haxa que prescindir dos brillantes programas das edicións pasadas.

    Noraboa aos organizadores e noraboa aos compoñentes de OLYMPUS pola súa gran profesionalidade.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook